viernes, enero 09, 2009

Verdegaia lamenta a resolución do concurso eólico sen garantías ambientais

Verdegaia lamenta que a Consellería de Industria resolvese o concurso eólico sen garantías ambientais. O concurso, lonxe de cumprir coas recomendacións do "ecoloxismo mundial", como declarou Anxo Quintana, é un exemplo senlleiro do ecoloxismo cínico que practican os seus responsables. Os danos que previsiblemente provocará no medio natural serán aínda maiores que os do concurso de 2006, polo maior número de parques admitidos a trámite e por non ter en conta a proposta de ampliación da Rede Natura 2000.

A resolución do concurso eólico confirmou novamente que o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, defensor das centrais térmicas, de REGANOSA, das pizarreiras do Courel ou dos agrocombustibles, é un dos maiores inimigos da sustentabilidade en Galicia. A Consellería de Innovación e Industria non só non quixo esperar á elaboración dun novo Plano Sectorial Eólico que fose obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica, senón que tamén ignorou a proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 que manexa a Consellaría de Medio Ambiente. Verdegaia tamén valora negativamente que tan só 151,5 dos 2.290,7 MW (o 6,6%) da potencia concedida corresponda ao repotenciamento de parques existentes.

O segundo concurso eólico resolto polo bipartito

O concurso eólico que vén de resolver a Consellería de Innovación e Industria é o segundo desta lexislatura. O primeiro foi convocado en 2006 e nel admitíronse a trámite 21 novos parques. A tramitación destes parques fundamenta os temores sobre as consecuencias do concurso agora resolto. Ao se iren coñecendo os proxectos, confirmouse que algúns deteriorarán espazos de elevado interese natural e paisaxístico: é o caso dos parques Muxía I-2º Fase e Muxía II (na Costa da Morte, entre Touriñán e Muxía), Albariño (na serra da Groba), Pena Redonda (no macizo de Pena Trevinca) ou Alto do Rodicio e Ampliación de Sil-Fase II (no contorno do canón do Sil).

A pesar de xestos como o abandono da mesa de valoración do concurso eólico, non parece probable que a Consellaría de Medio Ambiente vaia declarar ambientalmente inviables algúns dos parques eólicos agora admitidos a trámite. Até hoxe, a Xunta só emitiu unha declaración de impacto desfavorable dun total de máis de 150 expedientes de avaliación ambiental de parques eólicos tramitados desde 1996. Con Manuel Vázquez á fronte da Consellaría de Medio Ambiente emitíronse 19 declaracións de parques eólicos, todas elas favorables, incluídas as de dous parques admitidos a trámite no concurso de 2006 (Fontesilva e Alto do Rodicio).

Mentres que o impacto negativo sobre o territorio dos 78 proxectos de parques admitidos a trámite no megaconcurso eólico do 2008 será moi notable, o seu impacto positivo na loita contra a mudanza climática será bastante limitado, ante a falta de políticas capaces de reducir o consumo de electricidade e de limitar drasticamente a produción sucia nas centrais térmicas, moi especialmente nas de carbón. Así, e segundo a propia Xunta, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción enerxética en Galicia, a pesar de ser xa moi elevadas, aumentarán un 17% entre 2008 e 2012 a respecto de 2007.

No hay comentarios: