A resolución do concurso eólico confirmou novamente que o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, defensor das centrais térmicas, de REGANOSA, das pizarreiras do Courel ou dos agrocombustibles, é un dos maiores inimigos da sustentabilidade en Galicia. A Consellería de Innovación e Industria non só non quixo esperar á elaboración dun novo Plano Sectorial Eólico que fose obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica, senón que tamén ignorou a proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 que manexa a Consellaría de Medio Ambiente. Verdegaia tamén valora negativamente que tan só 151,5 dos 2.290,7 MW (o 6,6%) da potencia concedida corresponda ao repotenciamento de parques existentes.
O segundo concurso eólico resolto polo bipartito
O concurso eólico que vén de resolver a Consellería de Innovación e Industria é o segundo desta lexislatura. O primeiro foi convocado en 2006 e nel admitíronse a trámite 21 novos parques. A tramitación destes parques fundamenta os temores sobre as consecuencias do concurso agora resolto. Ao se iren coñecendo os proxectos, confirmouse que algúns deteriorarán espazos de elevado interese natural e paisaxístico: é o caso dos parques Muxía I-2º Fase e Muxía II (na Costa da Morte, entre Touriñán e Muxía), Albariño (na serra da Groba), Pena Redonda (no macizo de Pena Trevinca) ou Alto do Rodicio e Ampliación de Sil-Fase II (no contorno do canón do Sil).
A pesar de xestos como o abandono da mesa de valoración do concurso eólico, non parece probable que a Consellaría de Medio Ambiente vaia declarar ambientalmente inviables algúns dos parques eólicos agora admitidos a trámite. Até hoxe, a Xunta só emitiu unha declaración de impacto desfavorable dun total de máis de 150 expedientes de avaliación ambiental de parques eólicos tramitados desde 1996. Con Manuel Vázquez á fronte da Consellaría de Medio Ambiente emitíronse 19 declaracións de parques eólicos, todas elas favorables, incluídas as de dous parques admitidos a trámite no concurso de 2006 (Fontesilva e Alto do Rodicio).
Mentres que o impacto negativo sobre o territorio dos 78 proxectos de parques admitidos a trámite no megaconcurso eólico do 2008 será moi notable, o seu impacto positivo na loita contra a mudanza climática será bastante limitado, ante a falta de políticas capaces de reducir o consumo de electricidade e de limitar drasticamente a produción sucia nas centrais térmicas, moi especialmente nas de carbón. Así, e segundo a propia Xunta, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción enerxética en Galicia, a pesar de ser xa moi elevadas, aumentarán un 17% entre 2008 e 2012 a respecto de 2007.
No hay comentarios:
Publicar un comentario