miércoles, octubre 15, 2008

Adega solicita a declaración de monumento natural para o xacemento de Arealonga


A Dirección Xeral de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, adxudicou un proxecto para construír un muro de formigón ao pé dunha támara na praia de Arealonga, no Concello de Foz (A Mariña), ademais dun paseo marítimo, xusto na zona na que se atopa un valioso xacemento xeolóxico e paleontolóxico.

A semana pasada a Universidade de Santiago (USC) chamaba a atención sobre a desfeita que suporía este novo proxecto. Esta semana a asociación ecoloxista Adega únese á demanda de promover a conservación do xacemento, solicitándolle á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a súa declaración como Monumento Natural. Os ecoloxistas tamén lle solicitan ao Concello de Foz que se una ás súas reivindicacións.

Dende Adega consideran que os proxectos de Costas para a zona van significar a "destrución deste xacemento xeolóxico e paleontolóxico do noso litoral, de enorme interese para o estudo do paleoclima, da flora, da fauna, a paisaxe e a ecoloxía dos últimos 120 mil anos".

Un areal fosilizado do penúltimo período interglaciar
Nun seu comunicado, os ecoloxistas amosan unha escolma de traballos feitos dende os anos 60 na zona (dos primeiros, do estudoso francés Henri Nonn aos últimos, realizados polo Laboratorio de Xeografía e Biodiversidade da USC), que descobren que o de Arealonga é un xacemento no que se pode atopar o primeiro estrato de cantos rodados, sobre o que se foron superpoñendo, alternativamente depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación até a actualidade. Estudando este depósito pódese reproducir (a través dos seus restos de esporas, polen e micro-restos de flora e fauna), as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120 mil últimos anos no norte da península.

Por todo isto, piden a posta en valor e conservación dos seus valores científicos e culturais, xa que pode constituír un "recurso didáctico de gran interese para toda a comunidade escolar", ademais de "un recurso económico turístico" para a zona

1 comentario:

Nuria dijo...

Acabarán facendo o muro, pese a quen pese, son mais importantes os cartos que a cultura.