lunes, marzo 01, 2010

Aneis de plástico en praias e ríos: poluir para limpar?


Imprimir E-mail
26 de febreiro de 2010. Nas últimas semanas, milleiros de pezas de plástico apareceron aboiando en ríos e praias. O fenómeno repítese periódicamente por toda a costa galega e cantábrica, formando parte xa da variada "fauna" dos restos de marea. A orixe destas misteriosas pezas non é outra que as instalacións de depuración de augas dos concellos e industrias. A súa función é a de rebaixar a carga orgánica e o nível de nitratos das augas residuais pola actuación dos enzimas e bacterias que levan incorporadas (tratamento biolóxico). Dase pois o paradoxo de que para tratar as verteduras polúense ríos e mares con estas pezas plásticas que tardan ducias de anos en degradarse e que ao ser inxeridas por peixes, mamíferos ou tartarugas mariñas poden causar graves danos.

ADEGA demanda un chisco máis de sensibilidade por parte das empresas e concellos que utilizan estes elementos como axuda nos sistemas de depuración de efluentes, para evitar a súa vertedura ao medio acuático.
Se ben os tratamentos biolóxicos amosan claras vantaxes (maior efectividade, menor impacto, baixo custo) para rebaixar a carga orgánica e compostos como os nitratos, responsábeis da eutrofización de moitas masas de auga, unha incorrecta xestión dos restos pode conquerir o efecto contrario ao que se pretende.
Milleiros de pezas plásticas aboiando nos mares e ríos, produto dun manexo inadecuado ou neglixente das depuradoras públicas e privadas, contribúen de xeito importante á contaminación e á degradación dos ecosistemas acuáticos. Estes elementos tardan en degradarse ducias ou mesmo centos de anos, deitando substancias tóxicas no medio e son inxeridos por peixes, tartarugas ou mamíferos mariños ao confundilos con medusas ou outros organismos peláxicos que constitúen o seu alimento.
A contaminación por plásticos está presente na prática totalidade dos mares e ríos do mundo, e os efectos destes compostos e os seus residuos causan cada ano a morte de milleiros de mamíferos e tartarugas mariñas. En todas as cadeas tróficas dos océanos están presentes contaminantes cuxa orixe son os plásticos e os compostos usados na súa fabricación, e por suposto tamén nos peixes que comemos.
Por iso ADEGA pide que se realice unha correcta xestión destes elementos nos sistemas públicos de depuración e se supervise o seu uso nas instlacións pivadas, para impedir a súa vertedura ao medio e contribuir deste xeito a termos uns mares e ríos máis limpos e saudábeis.
Se atopas estes elementos nunha praia/río, podes poñerte en contacto co SEPRONA, mandar un mail a ADEGA ( adega@adega.info ) ou cubrir unha ficha de observación e achegala por mail á Fundación Surfrider, delegación Pirineos Atlánticos

No hay comentarios: