lunes, marzo 23, 2009

A ilimitada desvergoña de ENDESA: xogando a ser deus co medio ambiente


14 de marzo de 2009. ENDESA ven de lanzar unha publirreportaxe para gabar as súas "iniciativas ambientais" en Galiza. O macrolago ácido d'As Pontes e a "restauración" das escombreiras van convertir esta zona no Cancún de Galiza: un idílico lago ideal para os deportes náuticos, vizosos bosques "autóctonos" onde antes "solo había tojos" e que axudarán a compensar as emisións... "Nosotros generamos biodiversidad", di un alto executivo da empresa. A realidade: a balsa ácida máis grande de Europa chuchando o 70% do caudal do Eume e poñendo en perigo o Parque das Fragas; aumento das emisións de CO2 en 2007... Por non lembrar as verteduras ao Eume, a chuvia ácida, as centrais hidroeléctricas... A desvergoña de ENDESA parece non ter límites.

O enchido forzado con auga da mina de As Pontes amosa incertidumes e riscos non suficientemente avaliados. Xa o Prof. Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Universitario de Xeoloxía, advertíu que bacía d'As Pontes atópase sobre unha falla activa que podería provocar un incremento da sismicidade inducida polos millóns de m3 de auga do lago. Mais hai un problema engadido: o enorme volume do lago (de 2 km de longo e máis de 200 m de profundidade), pode provocar a inxección de auga na falla lubricándoa e incrementando as probabilidades de esbaramento. De acontecer, un tsunami lacustre de augas ácidas alcanzaría Pontedeume através do val do Eume.
Esta realidade dista moito do panorama idílico que nos pinta ENDESA: o bucólico lago é unha inestábel macrobalsa ácida, á que haberá que engadir de por vida millóns de toneladas de cal e cuxa profundidade fará preciso o uso dun batiscafo para rescatar das zonas máis profundas ás posíbeis vítimas.
ADEGA quere tamén chamar a atención sobre as consecuencias de substraer cada ano do Eume 120 Hm3 no ecosistema do río, no Parque Natural das Fragas do Eume, no abastecemento de auga e mesmo nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume. O Eume afronta arestora unha merma importante na calidade da auga debido aos encoros, vertidos, acidificación etc. á que habería que engadir catro anos como mínimo de estiaxe forzada cun ridículo caudal “ecolóxico” (o 10% do caudal medio anual).
Atendendo a estes argumentos, semella que a solución do macrolago só é máis convinte para ENDESA, que logo de décadas de explotar os nosos recursos a cambio de impactos e contaminación, quere agora “liquidar” as súas responsabilidades ambientais cunha solución rápida e barata, novamente a costa dun recurso público: o río Eume.

E sobre as miles de árbores coas que se "rexenerarán" as escombreiras, resulta indecente que ENDESA afirme que "compensarán las emisiones de las instalaciones de ENDESA en Madrid y de sus empleados". E quen vai compensar aos galegos/as polos millóns de toneladas de CO2 e SO2 e NOx emitidos en Galiza por ENDESA durante 40 anos, alén dos imensos danos nos ecosistemas (para eles só toxos e uces), no noso patrimonio histórico, na paisaxe etc.? Se tiveran que compensar con árbores todos os gases que levan emitido non abondaría con reforestar a superficie de Galiza enteira.
A realidade é que o sector eléctrico, coas térmicas galegas á cabeza segue a superar ano tras ano os topes asignados polo Plano Estatal de Asignacións de Dereitos de Emisión. E nen sequera pagan en Galiza os seus impostos mentres obteñen inmensas plusvalías a costa do noso medio ambiente.
Esta vergoñenta campaña de publicidade "verde" amosa até donde chega a desfachatez e o desprezo de ENDESA por Galiza e o seu patrimonio natural e cultural.

No hay comentarios: