jueves, noviembre 06, 2008

O "encalado" do Eume podería afectar ao formigón do encoro da Capela

29 de outubro de 2008. Logo de que ADEGA denunciara altos níveis de metais pesados nos afluentes do Eume, agora chamamos a atención sobre un novo risco do "encalado" do río, que coma os metais pesados, ninguén pareceu avaliar: as toneladas de carbonato botadas por Medio Ambiente para corrixir a acidez poderían formar xesos que ao reaccionar co formigón causan fisuración e aumento da porosidade. Coma a aluminose nos edificios, un formigón degradado pode ser fonte de inestabilidades estruturais, preocupantes ao tratarse dun encoro sometido á presión da auga. E se aconteceu isto coa "rexeneración" do Eume, que incertidumes vai traer o macrolago de As Pontes, cunha balsa tóxica cun volume de augas ácidas e metais pesados infinitamente superior e que haberá que "encalar" de por vida con cartos públicos?

Os continuos cambios de pH do Eume, primeiro ácido polos aportes dos ríos Lavadoiro e Chamoselo e ás lamas do encoro da Capela, e despois básico polas achegas de milleiros de toneladas de carbonato, poden ter serias consecuencias nas estruturas de formigón, quer o muro do encoro da Capela. Primeiro, a acidez puido atacar e debilitar a pasta do cemento, e logo a adición masiva de carbonato puido formar xesos que producen unha desintegración adicional. Os xesos reaccionan coa aluminatos de calcio hidratados do formigón formando estrinxita, un mineral que ten maior volume, induce fisuras e aumenta a porosidade.
Tendo en conta que as operacións de encalado terán que repetirse periódicamente cada vez que aumente a acidez (polos arrastres das obras ou o remexido dos sedimentos do fondo do encoro), podemos estar diante dun serio problema para a integridade estrutural do encoro da Capela, cos conseguintes riscos ambientais e de seguridade cidadá. Se a isto engadimos os altos níveis de metais pesados na auga, que ninguén se molestou en controlar, atopámonos con moitas variábeis e incertidumes nun proceso, o tratamento do Eume, que comeza a convertirse nun perigoso experimento.
A este respecto, acontece que a administración foi sempre a remolque dos feitos, limitándose a cumprir puntualmente as "receitas" propostas por Endesa. Alén dos vertidos puntuais das obras da autovía, para os ecoloxistas a orixe dos problemas crónicos do Eume ten un nome: Endesa. Agora, a empresa que durante anos foi parte do problema e responsábel do deterioro ambiental da comarca, pretende "liquidar" a súa responsabilidade co proxecto de macrolago artificial. Quen avaliou as consecuencias sobre o Eume, o ecosistema das fragas, a saúde e a seguridade cidadá dun proxecto, un macrolago ácido con metais pesados e inestábel sísmicamente, que pode multiplicar por moito o acontecido no río?
ADEGA e outros grupos ecoloxistas veñen de trasladarlle á Fiscalía de Medio Ambiente os nosos informes para que tome cartas no asunto e investigue a situación do Eume, alén de pedirlle que paralise cautelarmente o enchido do lago de As Pontes, que se reanudou hai uns días.
Sobre o asunto do Eume e o macrolago da mina de Endesa, os ecoloxistas non queremos causar alarmas inxustificadas. Pero visto o que está a acontecer coa "rexeneración" do Eume, as bruscas variacións de pH, os metais pesados e agora os problemas do formigón, non podemos imaxinar os riscos -e os custos- que a cidadanía galega terá que asumir para que Endesa "liquide" definitivamente o "problema" da mina.