Informe situacion do Xistral 2006
A serra do xistral sitúase no extremo norte de Galicia. Os seus vales e montañas espállanse polos concellos lucenses de Muras, Abadín Alfoz, Vilalba, Xermade, Valadouro, Ourol, Viveiro e o concello coruñés de As Pontes.
Nesta serra con abundancia de precipitacións nacen os ríos Eume, Landro e Masma.
Conta a lenda que cando Deus creu os ríos, mandou nacer tres xuntos na Serra do Xistral. Aínda que as fontes manaban do mesmo lugar, foron dirixidas para distintas ladeiras e recibiron a promesa de que cada ano tería un home (en sacrificio) aquel que primeiro chegase ó mar. Deulles categorías divinas e chamounos con resonancias gregas: Eume o da rampla de poñente, que debía fertilizar as terras de As Pontes; Landro, o da vertente norte que fecundaría carballeiras e faríalles producir landras, e Masma, o da ladeira brillante que crearía coa súa chegada ó mar as marismas.
Recén nacidos decidiron descansar un pouco no camiño, pacto que solo cumpriu o Eume, e o coñecer a traizón dos compañeiros, enfurecido, acelerou a marcha pola Capela e Caaveiro, labrando os fermosos cañós das Fragas do Eume, o espacio protexido, e conseguiu chegar o primeiro. Por eso, din que tódolos anos afogase unha persoa nas súas augas…
Cabe destacar nesta Serra, dunha altura media de 750 m, os Montes Cadramón con 1056 m. e o Xistral de 1033 m, alturas que non impiden o desenrolo de actividades como o sendeirismo, cicloturismo, rutas ecuestres...Nas que se pode deleitar da flora e fauna existente.
Nas fragas existentes atopamos, entre grandes e vellos carballos, unha especie protexida pola súa escaseza e importancia para a alimentación e protección invernal dos animais, trátase do acivro. Esta especie perenne protexe coas súas follas do duro inverno a animais de todo tipo, o manter unha temperatura interior máis alta que a do ambiente (2-4 ºC maior). Tamén o seu froito madurece a finais de outono permanecendo todo o inverno na árbore, dando así alimento á fauna do lugar xa que aínda que para nos sexa tóxica, gran parte da fauna existente subsiste con este alimento. As fragas do alto Eume – Xistral tamén albergan unha criptoflora moi interesante, con poboacións de Woodwardia radicans e outros fentos de interese.
Estas fragas están so nas áreas de valgada xa que o máis representativo son as áreas de matogueiras húmidas atlánticas, dominadas polo endemismo Erica mackaiana (queirogas ou carpazas). Son hábitat prioritario – Anexo I- da directiva hábitats. Tamén hai mato seco de Erica aragonensis como a da foto e Erica arborea, o primeiro igualmente hábitat anexo I, matos que cobren a maior parte das ladeiras e cumios máis baixos, pois as extensas zonas de cumio do centro da serra están dominandas por turbeiras. Estes matos constituen o alimento do gando en semiliberdade e son a zona ideal para o lobo, animal dos máis singulares que podemos atopar e do cal nas noites de xaneiro e febreiro, podemos escoitar os seus oubidos.
Na Serra do Xistral atopamos a poboación máis próspera de lobos do Norte Galego, aliméntanse principalmente de presas en estado semisalvaxe alimento habitual do lobo desde tempos inmemoriais, o que representa unha bonita aínda que conflictiva relación co home na actualidade. Tamén depreda sobre especies como xabarís e corzos que son abundantes nesta rexión. Outra especie que en tempos puido ser característica é o Voitre, extinguido desta zona vai xa 50 anos, hoxe en día pódense volver a ver exemplares divagantes sen nidificar .O voitre non conta con zonas típicas de nidificación polo Xistral, polo que dificil que criara noutras épocas, pero algunhas informacións suxiren a presencia dunha colonia de cría no concello de Mondoñedo no século pasado. No Xistral existen unhas subespecies endémicas do xénero Erebia: Erebia triarius xistraliensis e Erebia epiphron pargapondaliensis. Ten gran importancia esta bolboreta propia de ambientes fríos que estaba amplamente estendida en épocas glaciares polo territorio galego, quedado hoxe en día recluída na Serra do Xistral, o macizo central ourensán e a montaña oriental polas súas características semellantes as tundras boreais.
Tamen cabe destacar a presenza de especies prioritarias (Anexo II da directiva hábitats) como a lagartixa da serra Iberolacerta monticola, a lagartixa de turbeira (Lacerta vivipara), só presente no Xistral e en Ancares, unha diversa fauna de escarabellos, e prósperas poboacións de Chioglossa lusitanica a altitudes superiores a 600-700 m. Tamén poboacións estables de lontra, presenza de aguaneira e colonias hibernantes de morcego grande de ferradura e morcego pequeno de ferradura (todas especies prioritarias na directiva hábitats).
Debido a alta humidade ambiental da zona a terra ten unha natureza organico-turbosa, trátase das turbeiras, hábitat que atopa nestes montes o mellor emprazamento da Península Ibérica. As turbeiras son uns depósitos de materia vexetal que non se descompuxo pero si se mineralizou dunha forma estratificada, deixando nas capas profundas a materia moi antiga e na superficie capas máis recentes. Existen algunhas turbeiras de alveolo no Xistral cunha profundidade de 4 metros o que supón uns 11.000 anos de antigüidade e a posibilidade de coñecer o clima e a composición da atmosfera daquela época. Debido as súas características condicionan o tipo de flora que se asenta sobre elas xerando unhas especies moi singulares na zona.
A existencia de estes hábitats son uns dos valores polos que a Serra do Xistral forma parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espacios protexidos, como espacio L.I.C., lugar de interese comunitario. Se houbera vontade social e política a Serra do Xistral sería declarada Parque Natural debido a representatividade que supoñen as mellores turbeiras de cobertor da Península Ibérica, dous tipos de turbeiras no Xistral foron designadas hábitat prioritario pola directiva hábitats: as de cobertor y as turbeiras altas activas, polo xeral orixinadas en alveolos. Tamén hai outros hábitats prioritarios incluidos no Anexo I da directiva, como as zonas de vexetación pioneira sobre rochas silíceas (hábitat potencial da poboación relicta de Chyonomis nivalis), as extensas e maravillosas matogueiras húmedidas atlánticas (das que dependen en boa parte as Erebia), ou retazos de bidueirales inundables no val do Eume). Pese a protección da que goza hoxe en día este ecosistema estase a ver ameazado polo desenrolo incontrolado da enerxía eólica. Deixemos claro que o movemento ecoloxista está a favor do desenrolo da enerxía eólica, pero demanda un desenrolo racional desta fonte de enerxía xunto co resto das alternativas, no contexto unha política de aforro e eficiencia enerxética, xunto coa conversión das fontes fósiles ás renovables.
Non se pode esquecer que a enerxía eólica aínda que seña limpa e renovable, e o seu desenrolo absolutamente necesario para avanzar cara un modelo de producción enerxética compatible co medio ambiente, este tipo de enerxía ten os seus efectos negativos no medio natural como son a contaminación acústica, impacto paisaxístico, interferencias electromagnéticas e perturbacións no hábitat debido a apertura de pistas, construccións de novas liñas eléctricas para a evacuación da enerxía producida, e a instalación dos aeroxeradores en zonas totalmente libres da presión humana. Estes efectos son moito menores que os producidos por outras fontes de enerxía, como a térmica (coa súa mina a ceo aberto) ou a nuclear. Son menores pero non asumibles se se producen de forma intensiva ou en espacios de alto valor ecolóxico como o caso da Serra do Xistral.
O papel das turbeiras no control hidrolóxico é un dos aspectos máis relevantes destos ecosistemas húmidos. De particular importancia resulta naqueles casos, como no das áreas cuarcíticas do Xistral. A presencia das turbeiras confierelles estabilidade, tanto polo control da escorrentía como por exercer de cubierta que cohesiona o material. Cando esta se retira para a instalacion dun parque eólico o fluxo se concentra - exemplo da fotografía, - e a evolución do sustrato é rápida e catastrófica. O desastre que se muestra aquí formouse en tan só dous anos, e agora progresa agrandándose.
O impacto sonoro dos aeroxeradores pode afectar as poboacións próximas as instalacións e tamén a comunidades animais facendo incluso que estas emigren a outras áreas. A 50 metros dun aeroxerador o ruído é equivalente ó dunha oficina, podendo chegar incluso ata ruídos similares ó de un coche, nun lugar carente por completo de ruídos artificiais tales perturbacións causan un gran impacto sonoro.
O impacto paisaxístico é algo moi subxectivo xa que pode haber a quen lle guste ver os aeroxeradores na paisaxe, non obstante os ecoloxistas cremos que estes elementos son moi visibles e pouco harmónicos coa paisaxe; aeroxeradores, lineas e torres de alta tensión, subestacións, gabias, cableado...non queremos que esta sexa a nosa Galicia natural.
Sobre das interferencias electromagnéticas, estudios recentes advirten da perigosidade dos campos electromagnéticos para a saúde, con disfuncións na reproducción das células, na súa comunicación e no seu desenrolo, alteracións no sistema biolóxico dos seres vivos nas funcións das células nerviosas, problemas no sistema inmunolóxico e incremento do risco de cancro, principalmente leucemias e cancro de cerebro e de peito. Tanto as liñas de alta tensión como os aeroxeradores dos parques eólicos producen estes campos electromagnéticos que alteran a vida dos seres vivos do redor dunha forma fatal.
O maior impacto posiblemente seña as perturbacións que provocan no hábitat os aeroxeradores, pistas, gabias e demais obras. As pistas facilitan o acceso a lugares inaccesibles anteriormente o que supón a intrusión humana nestas zonas facilitando a caza, o aproveitamento forestal de masas antes inaccesibles, a repoboación forestal en hábitats de matogueira...Tamén afectan os ciclos hidrolóxicos o evacuar en pouco tempo grandes cantidades de auga que antes escorría paseniñamente polas ladeiras, o que provoca enchentes e secas repentinas dos tramos altos dos ríos, procesos erosivos e contaminación das augas que acaba coa vida dos ríos e regatos.Os aeroxeradores e liñas de tensión provocan a mortandade por colisión de moitas aves, principalmente planeadoras como buxatos e migratorias como a avefría.
Consideramos que o Plan Sectorial Eólico de Galicia incluída a proposta de modificación deste teñen grandes deficiencias en materia de protección ambiental e so teñen en consideración a producción enerxética a calquera custe. A posta en marcha deste plan significou e está a significar a destrucción ou alteración grave dos espacios protexidos de elevado interese ambiental, feitos evidentes e denunciados por diferentes organizacións e colectivos recoñecidos por unha boa parte da opinión pública galega, e que dende a Xunta non so se segue a ignorar senón que a promover duna forma irracional.
O desenrolo da enerxía eólica non está a significar a reducción doutras fontes de enerxía non renovables, dos 180 parques eólicos previstos para o 2010, 77 afectarán a espacios protexidos, a instalación dun parque eólico amortízase na súa totalidade ós 5 anos de producción e menos do 1% dos beneficios obtidos queda na zona de afección, a comunidade autónoma de Galicia é excedentaria de enerxía exportando o 40 % da producción... Vemos claramente que o número de instalacións eólicas non se axusta as necesidades enerxéticas de Galicia e que o potenciador desta fonte de enerxía son os beneficios obtidos a calquera custe das eléctricas e non como se intenta facer ver o respeto ó Medio Natural galego nin a mellora do modelo enerxético
- Os Estudios de Impacto ou de Efectos Ambientais, xunto coa súa Declaración, non son o suficientemente rigurosos para demostrar a viabilidade ambiental dun proxecto e o único que fan é melloralo. Podemos observar que ate o de agora ningunha Declaración de Impacto ou Efectos Ambientais foi negativa. Estes estudios deberían recoller a necesidade de realizar un estudio de valoración de impacto do conxunto do Plan Sectorial Eólico de Galicia, incluíndo as numerosas lineas de transporte de enerxía necesarias, debido á súa forte incidencia sobre o territorio galego. Co fin de poder determinar o verdadeiro alcance do plan sobre os recursos ambientais, e poder facer unha planificación e ordenamento eólico coherente coa conservación do medio natural, co modelo de “enerxía limpa ou non agresiva” e as políticas comunitarias.
Os grupos ecoloxistas Verdegaia e Guerrilleiros das Fragas ante este panorama non pode outra cousa que informar do que acontece, e pedir o maior apoio posible co fin de frear tal maquinaria de destrucción.
martes, noviembre 14, 2006
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario