sábado, julio 12, 2008

Acidez do Eume impresionante Endesa e a autovia remataran co Eume




Lendo en adega.info:
11 de xullo de 2008. Medio Ambiente vén de culpar (9 de xullo) ás obras da autovía Ferrol-Vilalba da acidez no Eume, causa da morte dos peixes. Días antes (1 de xullo) para a consellaría o presunto responsábel era o encoro do Eume, que explota Endesa. E non esquecimos a rocambolesca explicación ofrecida pola consellaría de Manuel Vázquez (25 de xuño) culpando da catástrofe ás "características xeolóxicas da canle", isto é, ao propio Eume. Diante deste paripé, ADEGA trasladará á Fiscalía de M. A. o ocorrido no río, para investigar o proceder da administración e depurar as responsabilidades neste atentado ecolóxico.

Tiveron que ser os propios pescadores os que, cun sinxelo medidor de pH deran coa chave: hai dous focos ben diferenciados de alta acidez.
Por unha banda, o río Chamoselo que desauga no Eume á altura da vila das Pontes, varios quilómetros augas arriba do encoro da Capela. Este río arrastra sedimentos das entulleiras e taludes da autovía Ferrol-Vilalba, que polo seu alto contido en sulfuros, acidifican a auga, dando valores de pH arredor de 3,1, mil veces máis ácidos que en condicións normais. No entanto, augas abaixo deste punto a acidez diminúe considerablemente, oscilando até o encoro en valores arredor de pH 5,2
O outro foco de acidez áchase á saída da auga turbinada, augas abaixo do muro do encoro. A central está situada uns centos de metros Eume abaixo para aproveitar o desnível, sendo conducida a auga dende o vaso por tuberías de presión até o edificio de turbinas. É neste punto onde volven a darse picos de acidez (arredor de pH 4,6).
Dende a saída das turbinas, o Eume segue mantendo un pH bastante ácido (sobre 4,6) até o couto de Ombre (case na desembocadura) onde se producíu aunha alta mortalidade de peixes.
Á vista destes datos, algúns feitos semellan estar claros:
1.- O maltratado río Chamoselo, como xa denunciou ADEGA e os colectivos de pescadores, inxecta augas e sedimentos moi ácidos no Eume (o que supón tamén un atentado ecolóxico continuado que a Fiscalía debería investigar). Mais Eume abaixo o pH vaise recuperando, até chegar ao encoro. E dado que os peixes morreron varios quilómetros augas abaixo do encoro da Capela, e dado o efecto diluinte da grande masa de auga da barraxe, a causa da alta acidez na desembocadura habería que buscala no propio encoro, e non tanto no Chamoselo situado quilómetros augas arriba e cuxos efectos diluíronse río abaixo.
2.- Temos ademáis outro foco de alta acidez inmediatamente despois da saída da auga turbinada (pH 4,6). Curiosamente, entre o vaso de encoro e o edificio de turbinas río abaixo, o pH é case normal (pH 6,01) Polo tanto, coidamos que a orixe deste novo pico de acidez que amosa a auga turbinada provén do caudal que chega do encoro através das conduccións. E dado que a acidez é máis alta que a auga do encoro en superficie, podemos pensar que as lamas ácidas do fondo do vaso puideron ser remexidas e evacuadas augas abaixo, para aumentar a capacidade da presa.
3.- A orixe das lamas ácidas son os arrastres de sedimentos por causas naturais e sobre todo artificiais, dende a parte alta da bacía durante anos. Mais o feito de repuntar a acidez por baixo do encoro non ten nada de natural ou casual: o remexido e evacuación das lamas que o van colmatando e que persegue aumentar a capacidade de encoramento, é unha operación de mantemento que debe ser autorizada por Augas de Galiza e realizada pola empresa de xeito que non altere as características ecolóxicas do río.
4.- Alén disto, e para que se manteñan altos valores de acidez no curso baixo do Eume (pH 4,6), estes vertidos teñen que ser moi importantes en volume xa que no seu treito final, o río leva máis cantidade de auga que no curso alto e medio.
Diante destas evidencias, e visto que a Consellaría de Medio Ambiente segue xogando ao despiste para non afrontar as verdadeiras causas do desastre ecolóxico, ADEGA poñerá estes feitos en coñecemento da Fiscalía de M. A. do TSXG para que investigue as responsabilidades penais ás que houbera lugar.
Finalmente, ADEGA esixe á administración que, tal como reclaman os colectivos de pescadores, decrete o inmediato peche cautelar da pesca no Eume augas abaixo de As Pontes. Esiximos tamén que se proíban e se investiguen os presuntos vertidos de lamas dende o fondo do encoro da Capela e que se tomen con urxencia medidas correctoras para diminuir a acidez do Eume e o Chamoselo.

No hay comentarios: